Quantcast
Channel: escolas infantis
Viewing all articles
Browse latest Browse all 7

A CIG denuncia que o anuncio de Feijóo de exención de cota nas escolas infantís a partir da segunda crianza é pura propaganda

$
0
0

O Consello da Xunta aprobaba onte a modificación do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 anos dependentes da Xunta, segundo a  cal, as unidades de convivencia cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais beneficiaranse da exención da cota a partir da segunda crianza que acuda á mesma escola infantil. O mesmo decreto que supuxo unha suba das taxas das escolas infantís dun 19% e de máis do dobre no prezo do servizo de comedor, e que volve incrementarse neste novo curso cunha nova suba dun 0,3% (relativa ao incremento do IPC ). Aínda que en anos anteriores modificaron o baremo de puntuación de xeito que aquelas familias que tiveran crianzas escolarizadas nacidas en parto múltiple non podían beneficiarse dun novo desconto por ter un irmá no centro, ao non ser acumulábeis, nesta ocasión, modifican o baremo, eximindo da cota ao segundo fillo ou filla escolarizado no centro. Iso si, sempre e cando teñan ingresos inferiores á renda per cápita anteriormente mencionada.

A medida foi xustificada polo Presidente da Xunta como unha das actuacións previstas na Estratexia de apoio para as familias numerosas de Galiza 2013-2016 xunto co Plan para a dinamización demográfica de Galiza 2013-2016, horizonte 2020, nacido baixo o pretexto de “acadar a rexeneración demográfica de Galiza”, dado que “aquelas familias que deciden ter dúas ou máis crianzas son as que poden facilitar o relevo xeneracional” en palabras de Feijoo.

Desde a Secretaría da Muller rexeitan a medida porque consideran que en si mesma non beneficia ao conxunto das traballadoras e traballadores que precisan das escolas infantís como unha ferramenta que garante a conciliación da súa vida familiar e laboral, porque deixa fóra a miles de galegas e galegos que non quixeron ou non puideron ter máis crianzas, e tamén a aquelas que superan esa renda, o cal non significa que non teñan dificultades económicas. En palabras da Secretaria Confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, “a verdadeira aposta e apoio ás familias pasa por considerar as escolas infantís como unha etapa máis do ensino regrado, e por tanto garantir a gratuidade e universalidade dun servizo que debe ser público e accesíbel para toda a cidadanía”.

Corral discrepa coa valoración positiva do presidente galego en relación aos pasos que se teñen dado nos últimos anos para avanzar na conciliación da vida familiar e laboral e facilitar as condicións das nais e pais traballadores, xa que entende que non se pode pretender solucionar un problema demográfico cando se está a acometer un ataque sen precedentes, desde os poderes públicos, contra os dereitos da cidadanía, nomeadamente contra as mulleres. “O actual goberno da Xunta ten que fuxir dunha vez por todas da política de propaganda e publicidade e asumires a súa responsabilidade, recoñecendo o impacto da súa política de recortes no ámbito social”.

A secretaria confederal das Mulleres considera que a verdadeira aposta pasa por garantir o acceso universal e gratuíto á educación, á sanidade e aos servizos sociais públicos para toda a poboación, Entende que estes servizos deben ser financiados vía impostos e que, en todo caso, o goberno o que tiña que facer é unha reforma fiscal na que realmente a carga impositiva sexa maior para quen máis ingresos ten e non a que acaba de presentar o PP, que vai no camiño contrario.

Corral defende ademais que eses servizos teñen que ter horarios compatíbeis cos horarios laborais e que cómpre articular accións concretas dirixidas a mellorar as condicións laborais, pero tamén medidas dirixidas a que a xente nova poida acceder a unha vivenda e a un emprego digno, xunto cunha organización do tempo e dos horarios diferente, para que as mulleres e os homes poidan estar en condicións de decidir, libre e voluntariamente, sobre a súa maternidade e paternidade, e contribuíres así a organizares a sociedade e a economía galega conforme a un modelo produtivo, solidario, sostíbel e viábel demograficamente. “O resto son cortinas de fume, ferramentas propagandísticas que non serven máis que para aplacar conciencias”.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 7

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú